A obra de María Mariño
04-05-2007
Palabra no tempo
O primeiro libro de María Mariño, Palabra no tempo, viu a luz na editorial luguesa Celta no ano 1963 e foi o número un dunha colección de nome 'Tesos Cumes'. Otero Pedrayo, que lera o libro por mediación de Novoneyra, compuxo o prólogo, e levaba ilustracións de Raimundo Patiño. Isto sitúa esta obra no contexto da poesía de posguerra, nun espazo de convivencia entre a tradición de Nós e a vangarda que achegaban os integrantes do grupo Brais Pinto. Di o poeta Paulino Vázquez: "No tempo en que escribe María Mariño, a poesía galega pende en dúas gallas: a liña intimista (Aquilino, Cunqueiro) e a social (Celso Emilio)". No entanto, quizais a poeta fique sen un espazo relativamente inamovíbel dentro deste mapa, entre outras cousas pola singularidade da recepción deste seu único libro editado en vida.
En Palabra no tempo prima o carácter lírico-descritivo, a recolla do discorrer vital, das lembranzas da adolescencia á nostalxia da mocidade, soidade e experiencia da morte. A fenda entre coñecemento do mundo e introspección e a relación do feito creativo e a experiencia son algúns dos motivos máis salientábeis dun libro −como acontecerá tamén co seguinte− metapoético xa desde o título.
María do Cebreiro Rábade Villar entende que "en Palabra no tempo hai descritivismo, si, pero nunca paisaxismo, e menos aínda ruralismo". Para a súa idea "o libro está máis preto dunha exploración exhaustiva do real ca dun cadro de costumes".
Verba que comeza
Con este título coñecemos os poemas que María Mariño escribiu entre a primavera de 1966 e a de 1967, no seu derradeiro ano de vida, marcado pola enfermidade e pola morte presentida. Agás unhas poucas composicións que foron aparecendo en antoloxías ou publicacións periódicas, o libro estivo sen ver a luz até 1990 en que o Concello de Noia, por iniciativa de Uxío Novoneyra e de Antón Avilés de Taramancos, tira unha homenaxe que tivo unha difusión escasa. Nese mesmo ano publícanse n'A Trabe de Ouro varios textos inéditos, posteriormente incluídos no volume de Xerais da Obra completa (1994; reeditado no 2006), nunha edición de Victoria Sanjurjo.
As análises da obra de María Mariño coinciden en sinalar que é esta a cima da súa poética, o seu libro máis radical e profundo, traspasado por un dos grandes motivos da poesía universal, a morte. É a da poeta de Noia unha morte presentida, nesa verba que comeza, fanada pola enfermidade, lemos tamén a de Rosalía, ou a que Lois Pereiro nos deixou en Poesía última de amor e enfermidade.
Verba que comenza presenta unha unidade temática significativa. O proceso de deterioración física e a morte que se sabe certa van asociados á desaparición do natural, ao esvaecemento do mundo. Tempo físico e tempo metafísico atravesan os poemas, e a presenza deste último achégaos a unha liña que se ten cualificado de "mística na súa dirección máis material" se o entretecemos con outro dos motivos, a natureza. Mundo interior, misterio da existencia, intimidade, incomunicabilidade e reflexión metapoética son outros nobelos da María Mariño que, coma a Rosalía das viúdas dos vivos, teceu soa. Isto xunta á ruptura da linguaxe, a unha dislocación das categorías gramaticais que apuntan cara á desaparición e o silencio.
Desta obra di María do Cebreiro Rábade Villar que é "en sentido moi literal, poesía de mulleres dos anos noventa" algo que translocen tamén, nomeadamente, as lecturas que da obra da autora á que se lle dedica este Día das Letras realizan Ana Romaní, Chus Pato, Carmen Blanco ou Helena González.
Paisaxe interior
Sinálase con abonda frecuencia o carácter intimista e a interiorización da paisaxe courelá como os motivos fundamentais da obra de María Mariño, así como a súa asimilación das poéticas e Uxío Novoneyra e Rosalía de Castro. Mais debemos tratar de que isto non eclipse outras dimensións que os libros desta autora conteñen: a súa reflexión sobre a identidade transcende os marcos da etiqueta "intimismo", algo xa dito por Méndez Ferrín no seu artigo do ano 1965 en La Noche: "Son a suma total
daquel que foi medindo
a pegada
aquela que non digo,
pegada que
soia se puxo o meu nome.
Son resta de
esperanza –diferencia quedou
Multiplicada
xa nacín,
pra que dividirme agora?".
E o mesmo podemos dicir para a reflexión sobre a linguaxe, para a dimensión metapoética, sen máis ca repararmos en dous títulos que non poden por acaso conter 'palabra' e 'verba':
"Aonde irás dar miña verba si che guindo desta altura? [...]
Ouh, amigo!
Déixame,
Déixame túas
redes que pousan
ás túas medras.
Escaleira
teu erguer en
intre baixo o tempo,
fogueira que non se apaga,
déixame
no teu medrar quedo –verba que nace
soia
déixame,
déixame eiquí.
Imprimir