Dossiers

María Mariño

María Mariño


05-05-2007 María Mariño viu editado un libro só, Palabra no tempo, en 1963, cando xa ela pasaba dos 50 anos. Unha das incógnitas unha vida é, alén da precariedade da edición en galego na posguerra, a que alude aos seus comezos na escrita. Segundo a testemuña de Uxío Novoneyra, a poeta empezou a escribir no ano 1957, vivindo en Parada do Courel, primeiro en castelán e logo en galego. Nas dúas décadas que van entre 1946 e 1967 compuxo, con certeza, a obra poética en galego que coñecemos. Mais outras fontes apuntan a posibilidade de que María Mariño escribise desde ben antes, entre eles o grupo de estudosos noieses que nos últimos anos levan feito achegas á súa obra, entre eles Xerardo Agrafoxo, ou recentemente o poeta e narrador Fran Alonso.
De Noia a Escarabote
María Mariño foi filla dunha familia vilega de artesáns, zapateiro e costureira, o que a sitúa nunha posición social levemente superior á media, nunha Galicia de comezos de século en que a meirande parte da poboación é campesiñado non propietario da terra. Malia isto, na súa casa de cinco irmáns todos tiveron que traballar desde novos. María, coma súa nai, de costureira. Con 20 anos marchou coa familia a Escarabote, Boiro. Unha tía súa herdara o Pazo das Torres de Goiáns ao morreren sen fillos os propietarios. Na década que pasa vivindo neste lugar da Ría da Arousa, a poeta ten acceso aos volumes da biblioteca do pazo.

As lecturas de María Mariño
Xerardo Agrafoxo recolleu testemuños que falan das horas que pasaba lendo, aínda que nada sabemos dos títulos da súa biblioteca. Coinciden tamén os testemuños e algunhas achegas biográficas á poeta de Noia á hora de sinalar a súa formación cultural de raíz popular, a súa falta de contacto adoito coa cultura escrita, o seu vencello coa creación oral, como outrora lle acontecera a Rosalía.

Non faltan as análises que teiman en sinalar un certo grao de misóxino paternalismo que tingue estas interpretacións, entre as cales atopamos a de Carmen Blanco, que nos fala do emprego creativo que María Mariño realiza dos valores da marxinalidade popular, a nivel consciente, e da feminina, implicitamente. Tamén María do Cebreiro Rábade Villar cando afirma "e non lle fixo falta ningunha, a María Mariño, ler a Rilke, no caso de que realmente non o lera. Porque a poesía, a diferenza da filosofía −da linguaxe ou do que for− comunica as verdades dun xeito intempestivo".


O País Vasco
No ano 1936 María Mariño viaxa ao País Vasco, á casa de súa irmá Concha. Na primavera de 1937 vive a ofensiva das forzas fascistas que supuxo o bombardeo da Lexión Cóndor hitleriana sobre Gernika ou o cerco de Bilbao, acontecementos que han permanecer no seu recordo e que tratará no libro inédito e incompleto Los años pobres. Memoria de guerra y postguerra.

Logo voltará á casa da familia, en Escarabote, e alí, ao rematar a guerra civil, casa co mestre compostelán Roberto Pose Carballido. Os destinos laborais do seu home irán trazando o mapa vital da poeta a partir deste momento. Así, no ano 1945 volverá a Euskadi, á localidade de Elantxobe (Biscaia) e regresará onda a familia a Noia, para ter un neno que só vivirá unhas semanas. A proximidade entre esta morte, a de dous irmáns e de súa nai, que irá a canda ela e Roberto Pose ao Courel, provocoulle a María Mariño unha depresión que condicionará o lugar que escolla para vivir.

De Romeor do Courel a Parada de Moreda
Romeor do Courel será o seguinte destino laboral do home de María Mariño e o lugar onde fica enterrada súa nai. A casa escola de Parada de Moreda, preto da estrada que vai desde a vila de Quiroga até o lugar de Seoane do Courel, será o sitio definitivo en que viva a poeta ao longo de vinte anos. É aquí onde coñece a familia Novo Neira e comeza a súa amizade coa nai, coa irmá e mais co autor d'Os eidos.

A pesar de que as achegas á súa biografía coinciden en sinalar que a poeta estrañaba o mar e desexou durante ben tempo un traslado para A Coruña, será en Parada onde quede e onde escriba os dous libros que compoñen a obra galega completa que hoxe está editada. Será tamén onde se conforme unha certa imaxe de misterio que a acompañou como escritora até hoxe, por vivir nun lugar pequeno e illado mais tamén por se manter afastada do mundo cultural e público. Se María Mariño escribiu na súa xuventude, non o deu a ler, e os seus contactos no espazo cultural foron escasos e mediatizados, igual cá publicación da súa obra, por Uxío Novoneyra. Algunhas das persoas coas que mantivo contacto foron Otero Pedrayo, cunha relación epistolar a través de Novoneyra, e tamén por carta con Ánxel Fole e con Domingo García Sabell. Así mesmo, coñeceu, por visitas que estes lle fixeron ao poeta do Courel, e posteriormente porque ela se trasladou a Compostela e a Monforte, a Ramón Piñeiro e a Manuel María.

Imprimir


Comentarios ()


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |