Dossiers

Lois Tobío

Lois Tobío


A imaxinación do tradutor

11-12-2006 A pouco de chegar a Berlín en 1929, Lois Tobío suma ao seu fardel de bolseiro universitario tres libros o Faust de Goethe, o Sonnette an Orpheus de R. M. Rilke e Buch der Lieder de H. Heine. Contacto primeirizo coa literatura alemá que, con tempo, el vertera á lingua galega. A Lois Tobío debémoslles a tradución ao galego de tres obras fundamentais das letras alemás: Nai Coraxe e os seus fillos de Bertold Brecht [Ediciós do Castro, Sada, 1987), Os sonetos a Orfeu de Rilke [Ediciós do Castro, Sada, 1980) e o Fausto de J. W. Goethe [Edicións Laiovento, 1997].
Fora tras a súa chegada a Uruguai cando Tobío, á par do seu labor xornalístico en El día, se dedicará á tradución, segundo lle confesa a Marga Romero, "para levar mellor a supervivencia". Verte daquela ao castelán obras históricas sobre a Grecia clásica e, desde o alemán, textos de Heinrich Mann e Hermann Hesse. En 1943 traduce Teoría del Estado de Herman Heller para o Fondo de Cultura Económica e, en 1949, dá á imprenta Poesías inglesas e francesas verquidas ao galego, froito da súa colaboración con Plácido Castro e Delgado Gurriarán. Á que han seguir as versións galegas de Nai Coraxe e os seus fillos que remata en 1963.

Nas súas palabras
A profesora, escritora e crítica literaria Marga Romero mantivo, en 1999, un longo diálogo con Lois Tobío no que reconstruía as súas vivencias na Galicia republicana e no exilio, ao tempo que nos ofrecía a súa valoración de senlleiros representantes da cultura galega como Castelao ou Rosalía de Castro, repasaba as súas preferencias literarias e nos achegaba a súa visión do labor do tradutor. Na idea de Lois Tobío, "o tradutor ten que recrear a obra, tomala como pretexto, ter conciencia de que o que vai facer é unha obra nova, porque está trasladando un mundo a outra lingua, a outro mundo. Hai libros que se prestan máis á independencia do tradutor, hai libros nos que se pode estar máis próximo ao texto, depende da natureza da obra e do mundo que traduce. Cun libro de teatro, cunha novela ou con poesía, o importante é coñecer a obra de quen escribe, coñecer o seu mundo literario, saber o significado que a obra que se quere traducir ten en todo ese universo, e logo captar ese espírito e trasladalo. En poesía é onde moitas veces quen traduce ten que facelo todo de novo, captar e interpretar ese sentido, porque a poesía non se pode traducir ao pé da letra."

Nas súas letras
Fausto
!Non teñas medo de que rompa o pacto!
O afán de todo o meu pulo
é xustamente o que prometo.
Íncheime de orgullo excesivo
e son soamente do teu rango.
O gran Espírito desdeñoume,
ante min zárrase a natura.
Rompeuse o fío do pensar,
todo saber hai tempo que me anoxa.
¡Nas fonduras da sensualidade
habemos acalmar as nosas paixóns ardentes!
¡Que baixo impenetrables máxicos mantos
estean prestas as marabillas todas!
¡Guindémonos no balbordo do tempo,
no rolar do acontecer!
Poden, daquela, dores e gozos,
éxitos e fracasos, alternar, como veña;
o home ten que actuar sen tregua

Nai Coraxe
Se lle hei dicer a verdá, a min un xeneral ou un emperador dame lástima. Se cadra coidou que ía facer algunha cousa fóra do común e da que a xente seguiría a falar tempo despois, e que, por iso, lle erguerían unha estatua: por exemplo, conquerir o mundo, que é un grande ideial pra un xeneral, non coñece nada mellor. Bueno, o conto é que el mátase por acadalo e, ao fallo, todo se esborralla por causa do pobo que non quer máis ca un xerro de cervexa e unha miga de festa. Os máis fermosos plans escangállanse pola cativeza dos que tiñan que executalos pois os emperadores nada poden por si sós, precisan da axuda dos soldados e dos pobo, que pra eso están ¿neverdá? [...]

Imprimir


Comentarios ()


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |