Dossiers

Lois Tobío

Lois Tobío


As décadas de T.L.

11-12-2006 En 1994, Ediciós do Castro achegaba ás librarías As décadas de T.L., as coidadas memorias de Lois Tobío. No seu limiar, o viveirense repara en que "a vida do home leva en si varias vidas (e as correspondentes mortes) que o tempo vai facendo xurdir."
Pero no caso do autor sucedeu que esas vidas tiveron, as máis delas, por escenario países distintos e tamén foron distintas as tarefas e actividades que "en cada unha houbo de cumprir" e "ao botar agora a ollada atrás para observar o curso da súa vida total, houbo de decatarse de que cada unha desas vidas parciais abranguía, máis ou menos unha década".

A seguir o relato memorial de seis décadas e un fermoso epílogo que, para a idea de Xosé Luís Axeitos, desenvólvense "entre as canles da memoria, a autobiografía e a confesión" e que a xuízo do xornalista Xan Carballa son un modelo de memoria viva: "no literario porque están escritas por que ama a literatura, no histórico porque retrata unha época sobre que sempre axexa a manipulación, no persoal porque soubo tratar todos os aspectos da súa vida sen pudores".

Gustou de escribir Xosé Luís Méndez Ferrín que foi "nos días da súa nobre senectude, cando Lois Tobío lles outogou aos galegos o seu mellor don intelectual: As décadas". "Nesta obra, facendo da precisión unha arte, da análise de tempos e países un exercicio compatíbel co grande estilo, da autobiografía un mester ameno e da testemuña memorialista unha fonte de coñecemento da historia da franxa central do pasado século, Lois Tobío Fernández foi balance impávido dos días vividos e profire sobre eles a súa lección maxistral."

Imprimir


Comentarios ()


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |