En 1923 participa o 20 de agosto na fundación do Seminario de Estudos Galegos, do que co tempo será director da Sección de Estudos Xurídicos, Políticos e Económicos. Licénciase en 1924 en Dereito e é nomeado profesor de Dereito administrativo (1927). Participa no traballo de campo do
SEG do que sairá a monografía
Terra de Melide. Fai o servizo militar en 1928.
En 1929 é merecedor dunha bolsa para ir estudar Ciencia Política a Berlín, onde asiste ás aulas de Rudolf Smend, Carl Schmitt e Hermann Heller. Retorna a Galiza e gaña, en 1930, unha praza como profesor de Historia do Dereito e Dereito Romano.
En 1931 tras a proclamación da República trasládase a Madrid. Ingresa no Partido Galeguista. Xunto con Ricardo Carballo Calero redacta o Anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galiza que promove o Seminario de Estudos Galegos. Un ano despois ingresa na carreira diplomática, exerce a partir de 1933 como secretario da embaixada española en Bulgaría. O golpe de estado de 1936 sopréndeo en Sofía.
En 1937 é designado cónsul en Montevideo, pero o nomeamento non se fai efectivo. Trasládase a Valencia e representa ao goberno republicano en viaxes diplomáticas por cidades europeas e norteafricanas. En 1938 é nomeado secretario xeral do Ministerio de Estado. Ao ano seguinte casa con Carme Soler. En marzo de 1939 viaxa a Nova York, e logo á Habana, onde participa na creación da Escola Libre da Habana. Axiña marcha a México D.F. para dar clases de historia no Instituto Hispano-mexicano Ruiz de Alarcón.
Dende 1940 traballa como xornalista e tradutor en Montevideo. Anima a creación do Consello de Galiza. Nace o seu fillo Miguel (1945). En 1947 pasa a ser publicista da farmacéutica Roche. Colabora desde 1950 no programa de radio Sempre en Galiza. Nace a súa filla Constanza (1954). En 1956 é un dos promotores do I Congreso da Emigración Galega de Bos Aires (1956) e contribúe á edición da Historia de Galiza, dirixida por Otero Pedrayo, que sae do prelo en 1957. Obtén, en 1958, a credencial de tradutor das Nacións Unidas.
Trasladado, en 1963, pola súa empresa, instálase en Madrid. Remata a tradución de
Nai Coraxe e mais os seus fillos de Bertold Brecht. En 1974 é readmitido na corpo diplomático onde se xubilará en 1976. A mediados dos anos setenta inicia un pormenorizado estudo histórico sobre o conde de Gondomar. Traduce, en 1980, Os
Sonetos a Orfeu de Rainer M. Rilke.
En 1984 publica
A intervención de Gondomar nos problemas constitucionais da pesca (1984). Morre a súa dona María do Carme Soler en 1987, ano en que publica
Gondomar y los católicos ingleses. En 1991 recibe o galardón da Fundación Otero Pedrayo. En 1994 publica as súas memorias:
As décadas de T.L. En 1997 publica a versión galega de
Fausto de J.W. Goethe. Recibe o premio das Artes e Letras de Galicia de 1999.
En 2000 ingresa no Instituto Galego de Análise e documentación Internacional (IGADI). Organízaselle unha gran homenaxe no Ateneo de Madrid en 2001. Recibe o premio Plácido Castro de Tradución pola súa versión de
Fausto. Morre o 12 de marzo de 2003.