Dossiers

Lois Tobío

Lois Tobío


11-12-2006 "Foi fermoso vivir coa ilusión de estar axudando a restaurar a vella casa común, escanastrada por alleos e alleeiros, para despois enriquecela con novas construccións. E agora, vendo con gozo coma sigue a traballar e loitar a xente moza na mesma dirección, a que sinalaran os nosos devanceiros desde o Rexurdimento, paso os anos finais da miña vida, estas últimas décadas, a observar o que pasa ao meu arredor e no mundo, agradecido ao destino por me ter concedido o don, que tantos non acadan, de completar o ciclo da vida", escribiu Lois Tobío.
Antes de albiscar no seu horizonte vital a faceta de diplomático e internacionalista que finalmente ligaría a Tobío coa historia de Galicia... antes de atravesárselle, por azar, a convocatoria de diplomáticos no camiño, xa avanzado, dunhas oposicións a inspector de traballo..., xa o insigne viveirense, desde a dirección da sección de ciencias sociais, xurídicas e económicas do Seminario de Estudos Galegos (SEG), se adiantara a elaborar materiais que servisen de base legal para a nova estruturación do estado, diante da inminente proclamación da República, que ía precisar dun novo marco constitucional e xurídico.

No SEG traballaría con Alexandre Bóveda, Carballo Calero, Paz Andrade ou Vicente Risco, nun traballo rigoroso de comparativa internacional entre os documentos legais, constitucionais ou estatutarios das nacións que lograran o seu autogoberno tras a primeira guerra mundial. No transcorrer tan só dun mes desde a restauración republicana, o 6 de maio do 31, Galicia xa dispuña dun Anteproxecto de Estatuto, grazas ao pulo do SEG, e de Lois Tobío en particular.

Tamén sería outra casualidade, a petición dun compañeiro de oposición, a que deu con Tobío en Bulgaria e non en Israel como indicaba o seu destino inicial. En Sofia, ademais das lóxicas tarefas dun diplomático que ten entre as súas obrigas
redactar informes sobre a situación política, económica e internacional que faciliten as relacións entre ambos os estados, tivo a encomenda específica de redactar e negociar un acordo comercial entre España e Bulgaria. Pero, na verdade, cando a dimensión histórica de Tobío deu un salto cualitativo, aconteceu cando se postulou para salvagardar a lexitimidade da República en Sofia, nun difícil momento histórico en que a maioría da clase diplomática bandeaba cara ao fascismo.

Xa de volta, no gabinete do Ministro de Exteriores, J. Álvarez del Vayo, desempeñaría diversos cargos como: ministro plenipotenciario de terceira clase en 1938 ou Secretario Xeral do M.E. Tan só o ministro e o subsecretario posuían maior xerarquía. Desde os seus postos diplomáticos era o responsábel de elaborar a documentación e os textos legais internacionais que a República precisaba para enviar cara ao exterior, de redactar informes sobre as representacións estranxeiras acreditadas, ou de preparar as intervencións dos representantes da república na Sociedade de Nacións.

Pola súa competencia profesional, pola súa completa e sólida formación intelectual, que foi alimentando cunha vocación de indagación insaciábel, pola súa experiencia e acreditada capacidade profesional, polo rigor das súas análises, polo pragmatismo resolutivo na toma de decisións, pola súa permanente atención e seguimento da actualidade internacional ou pola súa inquebrantábel honradez... van depositar nel a confianza para tarefas tan delicadas para inspeccionar as supostas irregularidades internas nos consulados do sur de Francia ou no norte de África.

Mesmo, por ser imprescindíbel, quedaría Castelao sen ser Embaixador en Arxentina, o ministro Álvarez Vayo non accedeu á única condición de Castelao: "Só aceptaría se Tobío o acompañaba coma Secretario". Pero ao Tobío que representa a fusión entre galeguismo, europeísmo e universalismo, ao acabar a guerra civil, aínda lle quedaría unha tarefa diplomática por desempeñar, para a súa propia nación sen estado: articular e dar forma legal ao Consello de Galiza, que presidiría Castelao e que permitiu manter a legalidade e reforzar a acción exterior galega. Ninguén viviu tanto para Galicia, morando tan pouco tempo nela.

Imprimir


Comentarios ()


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |