Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso para a elaboración dunha exposición sobre o autor homenaxeado no 2008, Xosé María Álvarez Blázquez, ou sobre a época e a situación sociolingüística da etapa histórica na que viviu o escritor. O concurso está dirixido a todos os centros públicos e privados non universitarios do país.
Estabelécense dúas categorías: unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes. As dúas exposicións gañadoras distribuiranse aos centros de ensino de toda Galicia e recibirán un premio en metálico de 3.000 euros.
A exposición terá un máximo de 15 carteis e un mínimo de 10, dun tamaño que pode ser de 50x70 ou 70x100. Para cada cartel elaboraranse unha serie de actividades que guíen a súa observación e fomenten o labor de investigación do alumnado. Ademais, o traballo deberá ser interdepartamental e na súa elaboración deberán estar implicados un mínimo de cinco seminarios.
Os proxectos entregaranse en formato dixital, acompañados da reprodución impresa dun dos carteis. O prazo para a recepción de propostas estará aberto ata o 22 de febreiro.