
Presentacións de libros, sesións de contacontos, recitais, música e maxia nun completo programa protagonizado por Manuel Rivas e Suso de Toro, con cadanseu libro novo.
A Feira do Libro chega a Vigo logo do seu paso por Santiago, Lalín, Ferrol, Lugo e Ourense e estará situada nos xardíns da praza de Compostela. O evento está organizado pola
Federación de Libreiros, en colaboración co
Concello vigués e a
Deputación Provincial de Pontevedra.
O pregoeiro deste ano,
Camilo Nogueira, intervirá trala actuación da Escola Municipal de Danza.
Ao longo da semana atenderán aos seus lectores asinando libros, entre outros, Pablo Núñez, Manuel Rivas, Isaac Otero, Antón Riveiro Coello, Francisco Castro, Agustín Fernández Paz, Inma López Silva, Suso de Toro e Jacobo Fernández. Pola súa banda, encabezarán actos de presentación Yashmina María Shawki Aziz, Xosé Neira Cruz, Marcos S. Calveiro, Jordi García, Xurxo Sierra ou Manuel Veiga.
Para os máis cativos realizarán contacontos Pilar Araújo, Olaia Moreira, Benxamín Míguez Novoa, Pavís-Pavós ou Sherezade; haberá diferentes obradoiros, mesmo un para construír unha maqueta do barco de Ulises, e teatro de monicreques coa compañía Seisdedos. A maxia poñerana Fátima e o Mago David co seu espectáculo
Contaxia e o teatro a compañía A Loca Motora, que representará a súa peza
Carlota e Marieta van en avioneta.
A sección de recitais estará protagonizada polo grupo poético vigués Brétema e polo escritor Xosé Carlos Caneiro, que ofrecerá un recital narrativo musical acompañado polo guitarrista Xosé Manuel Salgado. A feira pechará co humor dos monólogos de
Cándico Pazó.