Intervirán no acto Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo, codirectores de
Grial; Carlos Fernández, ensaísta e membro do Consello de Redacción de
Grial; José Antonio Caride, catedrático de Pedagoxía Social; Héctor Pose, doutor en Psicopedagoxía, e Alberto Meixide, director do CIEF Fundación Caixa Galicia.
O sociólogo Xan Bouzada era profesor da Universidade de Vigo, director do Observatorio da Cultura Galega do
Consello da Cultura Galega, así como da revista
Cooperativismo e Economía Social. Como membro do consello de redacción da revista
Grial, coordinou o seu último número: "Desafíos da educación". Publicou unha morea de obras sobre a realidade social galega, como
Escola, cultura e vida comunitaria nun concello galego: Moaña,
A situación socio-cultural dos concellos galegos e
O desenvolvemento comunitario local. É autor tamén de
Familia e comunidade, e xunto a Anxo M. Lorenzo Suárez escribiu
Redes sociais e conxuntos de acción.
O número
177 de
Grial propón unha reflexión sobre o sistema, as estratexias e as políticas educativas na sociedade contemporánea. Para isto o consello editorial tivo en conta tres aspectos principais. O primeiro deles aborda a educación como un dos grandes mecanismos de socialización. O segundo considera que o ensino en ningún caso é un mecanismo neutral, nin inocente, senón que responde aos intereses dominantes. O terceiro: expón os interrogantes, incertezas ou desafíos propios do presente, anegado polos termos Sociedade da Información e do Coñecemento ou Era da Globalización.