Axenda



Kalandraka e Greenpeace presentan un libro sobre a historia do Rainbow Warrior

Sede de Greenpeace, Madrid
19:30
  • XUÑ 04
O álbum, escrito e ilustrado por Rocío Martínez, sae a luz para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño).
A historia do Rainbow Warrior relata as orixes do mítico buque, que comezou en 1978 a sucar as augas de todo o mundo para denunciar as agresións ao medio ambiente. O seu labor, truncado sete anos despois a causa dunha sabotaxe na que perdeu a vida o fotógrafo Fernando Pereira, contribuíu a que moitos países adoptaran medidas para protexer o planeta.

Rocío Martínez recreou neste álbum unha escea familiar protagonizada polo ecoloxista Alberto de la Fuente Galeano e a súa filla, á que lle contaba -en forma de conto- a historia do Rainbow Warrior. Dende o punto de vista estético, as ilustracións destacan pola súa plasticidade e elegante manexo da cor, con trazos de gran delicadeza.

Greenpeace certificou que a obra cumpre cos requisitos do proxecto “Libro Amigo dos Bosques”, porque na súa elaboración utilizouse papel fabricado a partir de madeira procedente de plantacións ambientalmente sostibles.

A presentación ten lugar en Madrid debido á presenza da editora galega na Feira do Libro, que se está desenvolvendo ao longo da primeira quincena de xuño. Nela participan, ademais da autora e ilustradora, o director executivo de Greenpeace, Juan López de Uralde, e o director de Kalandraka, Xosé Ballesteros.

Imprimir

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |