Entre o 13 e o 24 de febreiro Cuba recibe a literatura galega mais tamén unha mostra da súa música, arte ou creación audiovisual.
A participación na Feira, que se desenvolve ao longo de 10 días e conta cunha participación masiva de público cubano e con representación de editoriais e institucións de aproximadamente 40 países, maiormente do ámbito latinoamericano, centrarase no ámbito editorial e literario (exposición-venda de libros, conferencias, mesas redondas, recitais), ao que se unen outro tipo de actividades como exposicións, concertos ou espectáculos para público infantil.
A esta actividade sumarase programación cultural paralela, que se desenvolverá na Habana con motivo da Feira. Para materializar esta programación cóntase coa colaboración das autoridades cubanas, que porán ao dispor de Galiza os espazos culturais da cidade: museos, salas de exposicións, teatros e auditorios, cinemas, centros universitarios.
Vai ser esta, daquela, unha magnífica oportunidade para presentar unha imaxe actual do dinamismo e da vitalidade da cultura galega contemporánea, atendendo as relacións históricas e culturais entre Galiza e Cuba.