Os
Diálogos Literarios de Mariñan artéllanse en sesións de mañá e tarde ao longo de varias xornadas. En cada unha delas, dous convidados, moderados por un terceiro, expoñen cadanseu relatorio, logo do cal principia unha quenda de faladoiro entre todos os asistentes a partir das suxestións que propicia a temática particular de cada sesión e os enfoques das intervencións previas. Os epígrafes das intervencións deste anos son "Ollos novos", "Outras palabras", "Letras da vida", "A arquitectura e os xardíns pacegos de Mariñán", "A vida como festín", "Mirada norte" e "Lembranzas de poesía". Os principais relatores son Inma López Silva, Rexina Vega, Joan Margarit, Fernando Pinto do Amaral, Gustavo Martín Garzo, Xosé Miranda, Álvaro Trillo, Juan Cruz, Bieito Iglesias, Iban Zaldua, Darío Xohán Cabana, María do Carmo Kueckenberg e Manuel Álvarez Torneiro.
Os Diálogos de Mariñán tentan establecer unha canle de contacto entre a literatura galega e a universal, o que constitúe un dos obxectivos de partida da
Fundación Carlos Casares. Non están concibidos como un congreso de especialistas ou unha xuntanza académica, senón como un foro de carácter anual capaz de converterse nunha referencia para o debate literario nos ámbitos galego, español, portugués e iberoamericano, sempre nun ambiente no que se prioricen valores como a pluralidade, a tolerancia e a convivencia. Celébranse no Pazo de Mariñán, sobranceiro exemplo de arquitectura pacega galega, pertencente á
Deputación Provincial da Coruña, patrocinadora do evento.