Axenda



Premios do IGAEM para textos teatrais

Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais
14:00
  • XUÑ 12

O IGAEM repartirá 24.000 euros en tres premios diferentes para textos teatrais: o Álvaro Cunqueiro, o Manuel María e o Barriga Verde.

O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) convoca o XVII Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, o III Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil e o VI Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques. Os dous primeiros teñen unha única categoría na que a peza premiada obterá unha dotación económica de 6.000 euros. O terceiro presenta dúas modalidades, de teatro para rapaces e teatro para adultos, con cadanseu premio de 6.000 euros. O período de admisión de orixinais remata o 12 de xuño.

Poderán optar aos premios persoas físicas que presenten textos teatrais inéditos escritos en galego conforme a normativa vixente, non representados nin premiados anteriormente noutros concursos ou convocatorias. Os textos serán de tema e extensión libres, tendo en conta o principio de duración normal dun espectáculo completo para cada un dos premios, quedando excluídas, xa que logo, as obras de teatro breve.

Non poden presentarse os autores premiados nas dúas convocatorias inmediatamente anteriores. Nesta mesma liña, os autores que resulten galardoados na edición 2008 non se poderán volver presentar nas dúas convocatorias posteriores.

Os textos deben remitirse dentro do prazo establecido á sede do IGAEM en Santiago (Rúa da Vesada, s/n, San Lázaro, 15703) por sextuplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A-4, mecanografados a dobre espazo por unha soa cara, paxinados e grampados ou encadernados. Na portada de cada unha das copias indicarase unicamente o título e/ou lema e o premio a que optan. Non poderá figurar ningún dato que poida identificar o participante e romper o anonimato. Xunto cos textos incluíranse nun sobre pechado a documentación requirida nas bases.

Ademais dos premios económicos, o IGAEM poderá editar os textos galardoados nas súas coleccións, reservando para si os dereitos de edición ou coedición durante un período de dous anos desde a comunicación do ditame.


Imprimir

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |