Axenda



Estrea do documental “35 anos de historieta galega”

Auditorio de Galicia, Santiago
20:00
  • MAI 13

O filme, dirixido por Gemma Sesar e Fausto Isorna, traza un percorrido pola historia do cómic dende os 70 ata a actualidade en 55 minutos de duración.

O documental iníciase coas lembranzas de Xosé Díaz, Pepe Barro e Luís Caparrós sobre a figura de Reimundo Patiño, o primeiro artista galego que empregou a linguaxe da banda deseñada nas súas obras, e o Grupo Castro.

A perspectiva underground dos 80 reflíctese a través dos testemuños dos autores de publicacións senlleiras como Xofre, Can sen Dono, Coordenadas e Valiundiez. Inaugurou os 90 o fanzine Frente Comixario, do que falan Miguel Carballo, Xico Paradelo, Miguel Robeldo e Moxon. O documental recolle tamén as impresións de Benito Losada, organizador das Xornadas de Ourense, que relata os vinte anos do festival.

O último decenio do cómic galego nárrase a través da experiencia do festival coruñés Viñetas desde o Atlántico, da revista Golfiño e BD Banda. A produción conta coas reflexións de arredor dunha vintena de creadores entre os que están Miguelanxo Prado, Xan López Domínguez, Fran Jaraba, Tucho Calvo, Fran Bueno, Kiko da Silva, Pepe Carreiro, Carlos Portela, Norberto Fernández e Xermán Hermida.

O traballo, producido pola TVG, El Patito Editorial e TVSiete, emitirase na canle pública galega o Día das Letras. A súa estrea no Auditorio de Galicia coincide coa presenza no seu espazo expositivo da mostra “Historieta galega. 1973-2008”, que permanecerá aberta ata o 8 de xuño.


Imprimir

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |