A sala de actos do Museo Municipal de Tui acollerá unha mesa redonda para analizar a traxectoria de Xosé María Álvarez Blázquez como historiador e arqueólogo. Nela participarán Fernando Acuña Castroviejo, Clodio González Pérez e Xoán Martínez “Tamuxe”, tres especialistas que tiveron relación persoal co intelectual tudense. A obra ensaística e a actividade investigadora en arqueoloxía de Álvarez Blázquez foi enormemente fértil. En 1949 foi nomeado comisario de escavacións arqueolóxicas de Vigo. Catro anos despois obtivo un dos seus maiores logros do seu labor neste eido, o descubrimento dun conxunto de estelas funerarias romanas, que hoxe forman parte dos fondos do Museo Quiñones de León, localizado no parque de Castrelos.
Como erudito activista participou na organización política do nacionalismo galego e das súas densas ramificacións culturais e ditou un gran número de conferencias e discursos, conxugando rigor científico e arenga. O primeiro discurso del do que se ten constancia, pronunciado en 1934, titulouno "Berro en lembranza dos herois de Carral".
Xosé María Álvarez Blázquez foi o exemplo perfecto do que se chama un polígrafo. A historia xeral e local, a arqueoloxía e a etnografía foron só algunhas das temáticas que cultivou e sobre elas versará esta mesa redonda.