Os escritores Rubén Ruibal e Xerardo Méndez mailo editor Manuel Bragado debaterán sobre o uso da rede como un medio alternativo para o debate e a crítica literarias. Moderará o encontro Domingo Docampo, ex reitor da Universidade de Vigo e vogal do Consello da Cultura Galega. Esta actividade forma parte da xornada 2.0 A Nova Ágora Galega, dedicada ás aplicacións das redes sociais e en xeral as tecnoloxías da web 2.0, que están a provocar un salto de enorme magnitude no uso que os cidadáns e as empresas fan de Internet. O usuario de Internet xa non é un mero consumidor de información pasivo, senón que pode xerar contidos e facer públicas con enorme facilidade as súas opinións e iniciativas diante do mundo enteiro ou da súa comunidade. As diferentes mesas desta xornada falarán sobre o estado actual desta web social e das posibilidades que estas tecnoloxías están a abrir en ámbitos tan diversos como o desenvolvemento de aplicacións de software libre, a educación, os negocios, ou a literatura.
Con motivo da celebración conxunta do Día das Letras Galegas, o Día de Internet e o Día Mundial das Telecomunicacións e a Sociedade da Información a Consellería de Innovación e Industria e as tres universidades galegas organizan unha serie de iniciativas que se desenvolverán ao longo do mes de maio, entre as que se encadra esta xornada.