Esta actividade inclúese no IV Ciclo de Conferencias Visións de Galicia do liceo ourensá, desta vez centrado na xeración de escritores da posguerra. O programa inclúe outras catro conferencias sobre Xosé María Álvarez Blázquez, homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas, Uxío Novoneyra, Manuel María e Antón Tovar, que serán impartidas, respectivamente, por Darío Xohán Cabana, Luis González Tosar, Miguel Anxo Fernán-Vello e Marcos Valcárcel.
Despois da vitoria nacional na guerra civil, a fecunda produción cultural galega dos anos trinta converteuse nun ermo do que só se comezou a ver unha saída coa publicación de Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño, en 1947. Naceron despois a Editorial Galaxia (1950), as primeiras revistas poéticas bilingües (Posío, Alba, Gelmírez...) e as primeiras coleccións poéticas como Benito Soto, coordinada por Celso Emilio, ou Xistral en Monforte. Nos anos cincuenta comezaron a aparecer as primeiras obras dos integrantes da chamada Promoción de Enlace e da Xeración das Festas Minervais.