A Xuntanza Xuvenil e o Centro Veciñal e Cultural da parroquia viguesa de Valadares convocan o I Certame de Cómic. A convocatoria vai dirixida a participantes de todas as idades non profesionais. Estableceranse dúas categorías, unha infantil, ata os 13 anos, e outra adulta, entre os 14 e os 35. Repartiranse en total cinco premios: ao mellor cómic, ao cómic máis artístico, ao mellor cómic manga, ao cómic con máis humor e ao cómic máis educativo. Un xurado formado ao efecto realizará a selección e o outorgamento dos premios, que pode declarar desertos en caso de considerar insuficiente a calidade dos traballos presentados.
A temática, o deseño e a técnica das obras serán libres. Deberán presentarse en formato DIN A4 e rotuladas. A súa extensión está limitada a 6 páxinas e teñen que estar elaboradas en lingua galega. O prazo de admisión de orixinais finaliza o 15 de maio e deberán presentarse baixo un título ou lema. Están dispoñibles tres enderezos diferentes para a súa recepción:
Centro Veciñal e Cultural de Valladares
Estrada de Valadares, 233
36314 Vigo