Axenda



Preséntase en Lugo "Limpeza de sangue", de Rubén Ruibal

Galería Sargadelos, Lugo
20:00
  • MAI 08

Rubén Ruibal presenta a súa obra "Limpeza de sangue", gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática, na Galería Sargadelos de Lugo.

O autor ribadense estará acompañado no acto por Xaime Pena e Manuel Bragado. Limpeza de sangue (o sangue fai ruído) foi a obra gañadora do XIV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais do ano 2005. A súa edición a cargo de Edicións Xerais resultou merecente do Premio Nacional de Literatura na modalidade de Literatura Dramática, galardón que xa obtivera con anterioridade o dramaturgo galego Manuel Lourenzo.

Os críticos destacan a estrutura cinematográfica do texto. Os seus protagonistas, Fernando e Pantaleón, coinciden na sala de diálise dun hospital á espera dun transplante. Son dous personaxes moi distantes, pero que, obrigados pola igualdade das circunstancias, se ben obrigados a facerse compañía e a entenderse. Nace así unha amizade inimaxinable, mentres todo ao seu redor segue funcionando de xeito rutineiro.

Rubén Ruibal formouse no eido teatral durante dez anos de colaboración con Roberto Vidal Bolaño na compañía Teatro do Aquí. En 2000 montou con Carlos Losada o grupo Teatro Cachuzo, que levou a escena os seus textos Fume (2000) e Nunca durmo, de Erik Cachuzo (2003). Escribiu, ademais, as pezas Trafic, arroz mubi (2003) e ¡Triumfadores! (2005). Como actor traballou en Teatro do Aquí, Teatro Cachuzo e o Centro Dramático Galego.


Imprimir

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |