Charla para familias sobre a animación á lectura no fogar
Escola Infantil das Fontiñas, Santiago de Compostela
19:00

É a primeira das citas para pais e nais das programadas pola VIII Campaña de Animación á Lectura compostelá.
A editorial Kalandraka e a Concellaría de Educación de Santiago organizan, a partir das 19 horas na Escola Infantil Municipal das Fontiñas, unha charla para pais e nais sobre estratexias de animación á lectura no ámbito familiar, especialmente para futuros pais e nais. Será unha sesión especial de contacontos realizada polo equipo de animación á lectura de Kalandraka e comentada pola profesora Manuela Rodríguez, na que se ofrecerán consellos sobre o acercamento dos máis pequenos aos libros a partir do seu nacemento.
Farase un repaso teórico-práctico sobre os contos máis idóneos para cada idade, dende os recursos da tradición oral e os libros para pre-lectores, ata a importancia das imaxes e das texturas, os contos populares e os de creación. Tamén haberá un coloquio e unha mostra de materiais. Abordarase a importancia de pór aos nenos en contacto cos libros dende os primeiros anos de vida, de lerlles contos en voz alta ou acompañalos ás librarías, bibliotecas e ás actividades relacionadas coa lectura e o desenvolvemento da creatividade.
O programa da VIII Campaña, titulada 'O eco da memoria' tamén contén para hoxe unha sesión de contacontos para público infantil, ás 18:30 horas na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago. Ata o 19 de maio tamén se pode visitar na galería Sargadelos a exposición de ilustracións orixinais dos artistas Alicia Suárez, Miguel Tanco, Sofía Rodríguez e Ana Míguez, Josep Rodés, David Pintor e Marc Taeger.
Imprimir