50 anos da 'coroación poética' de Cabanillas
Paseo do Espolón, Padrón
20:00

O acto que promoven as Redes Escarlata en Padrón lembra a homenaxe que se lle rendera ao poeta da raza.
En 1958, moitos dos grandes nomes do galeguismo déronse cita en Padrón para celebraren a 'coroación poética' de Ramón Cabanillas. Cos Otero Pedrayo ou Iglesia Alvariño xuntáronse novos militantes como Méndez Ferrín ou Franco Grande. Aquela homenaxe ao poeta cambadés converteuse nun dos actos fundamentais de afirmación galeguista e resistencia antifranquista da ditadura. Cincuenta anos despois, as Redes Escarlata queren recuperar aquela homenaxe no mesmo escenario de entón.
Os actos comezarán ás 20.00h cunha ofrenda floral canda á estatua de Rosalía, no Paseo do Espolón. Despois, o auditorio municipal acollerá unha proxección audiovisual e un recital de poetas das Terras de Iria, Cambados, Redes Escarlata e Performance Ad hoc.
Manifesto completo das Redes Escarlata:
As Redes Escarlata, xuntamente cun grupo de poetas da Terra de Iria e de Cambados, non quere deixar pasar por alto un acto tan relevante na historia da resistencia antifranquista, na historia das primeiras luces contra a noite do fascismo. En 1958 aínda era preciso pedir autorización para falar en público e, especialmente, para facelo en galego. Mais un grupo de resistentes republicanos e galeguistas de Padrón, desafiando o estado das cousas, lograron a través da poesía, da palabra, da cultura, erguer un subliminal pero moi potente fito para a resistencia que ficou para sempre, non só na memoria local de Padrón e da Terra de Iria, tamén na historia política de Galicia.
Na Páscoa de 1957 (festa maior na vila), co carto da emigración padronesa no Uruguai e na Arxentina, inaugurárase o monumento a Rosalía de Castro, en pedra da escola de Asorey. O acto convocara, arredor deste xesto cara a poeta nacional galega, unha multitude famenta. Tralo éxito, o núcleo resistente de Padrón, liderado en boa medida por Camilo Agrasar, Borobó e Octavio San Martín, quixo repetir. Organízanse entón concursos literarios, chámase a Alonso Montero para o pregón e preténdese a coroación poética de Ramón Cabanillas, a vedraia figura insigne, no mesmo escenario, de novo ó pé da estatua de Rosalía. Nos concursos achamos gañadores como Rey Romero, Máximo Sar ou González Alegre. Unha coroación, xa en 1958, resultaba anacrónica. E a figura velliña e ensumida de Cabanillas, que aínda así por patriotismo acudiu ó acto, non convidaba a ningún tipo de esplendor. Pero no Espolón de Padrón a multitude famenta, aínda máis numerosa có ano anterior, volveu persoarse ansiosa. E as autoridades e diferentes convidados, tamén: o Gobernador Civil, alcaldes de Padrón e Compostela, o Abade de Samos (desta volta non asiste Quiroga Palacios).
Introduce o acto Pedret Casado. Fala, en castelán, da obra de Cabanillas. A xente vaise xuntando. Colle agora a palabra Aquilino Iglesia Alvariño para recitar un longo poema dedicado ó "poeta da Raza". Alta, limpa coma o trigo limpo, elegante, a voz de Aquilino edifica un discurso excepcional sobre o oficio do poeta na sociedade que remata con estes versos:
"Pero aquí está o Poeta das aradas leves do soño,
noso irmán o Poeta das boas novas.
Na ribeira onde se fan os barcos ledos dos soños que non morren,
o seu canto arbora claras bandeiras no mencer".
A xente apíñase aínda máis en torno ó estrado. Periga o cordón de seguridade cos meniños alí dediante algo abafados. E agora vai falar Otero Pedrayo, na vez de Montero Díaz, que era quen figuraba no programa aprobado polo Goberno Civil. O Sar caudal das chuvieiras longas de inverno non ten a forza desta gorxa. As voltas do río de Padrón, pola veiga de Iria abaixo, son escaso repertorio á beira deste discurso improvisado de media hora. O mar de Corrubedo non brúa nas noites de trebón como agora nesta tarde de primavera brúa no Espolón a voz de Otero. A xente, pampa, despois do asombro e diante da entrega, interrompe o orador con entusiastas aplausos. O seu galego é o de todos e é intensamente literario. Arredor de Rosalía, da Páscoa e de Cabanillas, Otero fala de Galicia, a palabra máis repetida de todas, e ás veces ben afouto:"Por eso Rosalía é a nosa poeta, por eso Rosalía é aquela que vive dentro do corazón de cada xente e entre o corazón de todos. Nesta Galicia que é áspera, que é dura, que non é a Galicia das tarjetas postales para pasar o verao despois dunha boa digestión, e ver salir as barcas pescantinas con que veñen os turistas. É a Galicia dos pastores, a Galicia dos labregos, a Galicia das lareiras, a Galicia dos poetas, a Galicia dos que sufren, a Galicia dos que esperan".Si, esta palabra ponnos de novo no camiño da esperanza. E velasaquí están, unha a unha, elo a elo, as xeracións da Galicia Ceibe: Rosalía de Castro, pedra ergueita e luminosa presidindo todo, Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Aquilino Iglesia Alvariño, os mozos (estes das Festas Minervais: Ferrín, Franco Grande...) ós que acaba de aludir Otero...
As Redes Escarlata queremos facer memoranza deste acto, renderlle homenaxe ós seus protagonistas e ós seus artífices. Por iso o día 12 de abril, ás 8 da tarde, estaremos no Espolón de Padrón, de novo ó pé de Rosalía, e a nosa voz saudará novamente a Cabanillas e volverá decer que Galicia non é unha tarxeta postal e, cando escoitémo-lo final do discurso de Otero, berraremos con el "¡Terra a nosa!". Galicia, 8 de abril de 2008
Imprimir