Xosé Vázquez Pintor presenta "Para dicir abril"
Libraría Couceiro, Santiago de Compostela
18:00

O novo título do autor melidao engádese á colección Medusa Narrativa de Sotelo Blanco.
Galardoada co Premio Risco de Creación Literaria 2007, Para dicir abril pode ser lido como un longo poema en prosa, como as páxinas dun diario íntimo ou como apuntamentos para a reflexión. Cunha estrutura encabezada por poemas de Safo de Lesbos, a protagonista vai esmiuzando unha vida marcada por un pasado de relacións imposibles de esquecer, dende a primeira infancia até o momento presente.
Vázquez Pintor, cunha linguaxe luminosa e unha poeticidade de imaxes que esixen do lector unha participación activa, explora algunha das vetas máis escuras do ser humano (soidade, os grandes traumas, a dor en estado lacerante) para deixar constancia da catástrofe emocional que supón enfrontarse a vivencias límite. A xuízo do xurado do Premio Risco, trátase dunha "novela innovadora cunha gran carga poética na que abundan as figuras literarias". Nela sorprende "o xogo temporal, a presenza do mundo dos sentidos e o achegamento a un tipo de sexualidade minoritaria”.
Xosé Vázquez Pintor e Ánxela Gracián, directora da colección Medusa, presentarán a novela na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) ás 18 horas.
Imprimir