O club da Biblioteca de Pontevedra recibe a Mª Xosé Queizán
Biblioteca Pública de Pontevedra
19:30

As vinte persoas que compoñen o club fixeron unha lectura colectiva da súa novela "A semellanza".
María Xosé Queizán é a quinta convidada no Club de Lectura da Biblioteca de Pontevedra desde a creación do mesmo en novembro de 2007. A semellanza (Sotelo Blanco, 1988) é a obra elixida polo club, que xa se xuntou dúas veces para o comentario da novela e hoxe celebrará un terceiro coloquio, contando nesta ocasión coa presenza da escritora viguesa.
O Club de Lectura da Biblioteca Pública de Pontevedra forma parte dunha iniciativa que congrega na cidade do Lérez a existencia de cinco grupos de lectura: o da Axencia de Lectura de Santa María de Xeve, o da parroquia rural de Salcedo, o Club de Lectura Virtual e o da Asociación Veciñal do Burgo, ademais do club da propia biblioteca nodal. A finalidade da iniciativa é animar á xente de Pontevedra a ler en galego, tanto as obras clásicas coma as máis recentes, dinamizando a lectura con actividades coma encontros cos creadores e creadoras, proxección de filmes relacionados coas temáticas das obras e asistencia a obras de teatro relacionadas coas lecturas.
Antes de María Xosé Queizán, o club leu obras e recibiu a visita de María Reimóndez, Rosa Aneiros, Diego Ameixeiras e mais Eva Almazán, tradutora ao galego da obra de Paul Auster Brooklyn Follies.
Imprimir