Axenda



Faktoría K inaugura a colección Trece Lúas

Libraría Couceiro, Santiago de Compostela
20:00
  • MAR 25
Trece Lúas Escolmas poéticas de Rosalía e Celso Emilio abren a iniciativa, que se presenta en Compostela.
Co gallo da recente celebración do Día Mundial da Poesía, Faktoría K fai pública a súa nova colección Trece Lúas, que se inaugura coa edición de dúas escolmas poéticas de dous dos nomes máis sobranceiros da historia das nosas letras. Trátase de dous libros con páxinas despregábeis que conteñen trece poemas cada un. Belén Padrón ilustrou a escolma de Rosalía e Baldo Ramos, a de Celso Emilio Ferreiro.

O acto de presentación comezará ás 20 horas na Libraría Couceiro de Compostela (Praza de Cervantes, 6). Nel han participar a presidenta da Fundación Rosalía de Castro, Helena Villar, o crítico literario Ramón Nicolás, especialista na obra de Celso Emilio Ferreiro, e mais o artista Baldo Ramos. As súas intervencións acompañaranse dun recital de poesía e música que achegará aos asistentes a vida e a obra dos autores.

A escolma rosaliana contén poemas extraídos de Cantares gallegos e Follas novas. Belén Padrón achega imaxes de contido onírico e simbólico sobre o desamor, a saudade, a beleza da paisaxe, as inxustizas sociais e o desacougo interior. Baldo Ramos, pola súa banda, amosa un estilo surrealista e opta por un formato caligráfico para ilustrar os poemas de Celso Emilio, os máis senlleiros de Longa Noite de Pedra, Viaxe ao país dos ananos e Onde o mundo se chama Celanova.

Imprimir

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |