A Mesa Internacional do Libro para a Mocidade (
IBBY, nas súas siglas en inglés) promove dende 1965 a celebración do Día Internacional do Libro Infantil para conmemorar o data do nacemento do escritor e poeta danés Hans Christian Andersen. Composta na actualidade por máis de setenta estados socios en todo o mundo, a IBBY é a organización internacional máxima no fomento da literatura infantil e xuvenil e na promoción do seu coñecemento.
A LIX é o buque insignia do mercado das letras galegas. Do 31 de marzo ao 3 de abril, a nosa literatura para xente cativa e moza procura, na Feira do Libro de Boloña, expandirse un pouco máis no mercado internacional. No Día Mundial do Libro Infantil e Xuvenil presentaranse na feira os galardoados cos
White Ravens 2008, un catálogo que reúne os 250 mellores títulos de LIX editados no mundo durante o último ano. Neste catálogo hai dous títulos en galego:
O sorriso de Daniela, de
Kalandraka Editora, e
Ovos duros, de
OQO.
Por outra banda, tamén nesta xornada se dará a coñecer o fallo do xurado do
I Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados. Ao certame, convocado pola Concellaría de Educación compostelá e mais a editorial Kalandraka, presentáronse un total de 335 traballos procedentes de 16 países. O traballo gañador obterá un premio de 12.000 euros e verá publicada a súa obra en Kalandraka nas cinco linguas peninsulares.