Axenda



Día da Poesía


  • MAR 21
Dende o ano 2000 celebramos cada 21 de marzo o Día da Poesía, unha xornada internacional para o enxalzamento da produción lírica.
A UNESCO impulsou esta conmemoración co obxectivo de recoñecer a actividade poética dos diferentes países e de promover a poesía como unha forma de cultura esencial. Fíxoo partindo da consideración de que o mundo contemporáneo presenta necesidades, no terreo da estética, que a poesía podería cubrir sempre e cando se lle recoñeza o seu papel social.

A través da creación dun día específico que sirva para amosarlle a importancia da poesía á opinión pública, esta organización quere impulsar accións para soster este xénero literario. Entre elas, pode mencionarse a valoración do esforzo realizado por todos aqueles pequenos editores que intentan entrar no mercado e fomentar o coñecemento e a lectura da poesía; o impulso dunha volta á oralidade e ao espectáculo en vivo a través dos recitais ou o intento de restablecer o diálogo da poesía coas demais artes (danza, teatro, música, pintura...) e temas de actualidade (a cultura da paz, da non violencia, da tolerancia...). Outro dos obxectivos marcados pola UNESCO neste senso é a mellora da imaxe da poesía nos medios de comunicación social, para que deixe de considerarse o arte poético como trasnoitado e se recoñeza a súa relevancia como unha arte que permite á sociedade no seu conxunto recuperar e afirmar a súa identidade.

A Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural volverá a conmemorar esta data, en 2008, coa organización de recitais, lecturas colectivas, actos de poesía na rúa, encontros de poetas, mesas redondas...


Imprimir

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |