Alfombriña, de Cristina Ferreirós, é a terceira entrega da colección de Baía Edicións. Co gallo da celebración do Día da Muller Traballadora, as Bibliotecas Públicas Municipais da Coruña e Baía Edicións organizan a presentación de Alfombriña, relato escrito e ilustrado pola compostelá Cristina Ferreirós. O acto dará comezo ás 18.30h na Biblioteca Infantil e Xuvenil da Coruña (Rúa Durán Loriga, 10).
Con esta obra, Baía engade un novo título á súa colección "Contos da igualdade", na que xa se publicaron Un día de treboada, de María Mata, e Xela volveuse vampira!!, de Fina Casalderrey. A colección pretende romper coa tendencia nos contos infantís de asignar roles estereotipados a nenas e nenos, que condicionan a capacidade de soñar sen límites no propio futuro e de imaxinar un mundo de igualdade entre homes e mulleres.
Alfombriña é a historia dunha nena á que non lle gusta que lle digan o que ten que facer, ela quere decidir por ela mesma. O libro vén acompañado dun CD-ROM con xogos educativos.
No acto, xunto á autora, intervirán a Directora Xeral do Servizo Galego de Igualdade, Ana Luísa Bouza Santiago, a Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña, Margarida Vázquez Veras, e a directora editorial de Baía, Belén López Vázquez, quen se encargarán de facer unha aproximación crítica á obra e a obxectivo da colección na que está inserida.
Complementariamente a este acto, a contacontos luguesa Fátima Fernández fará un espectáculo, dirixido a alumnas e alumnos dos centros de ensino do contorno, que inclúe a adaptación escénica deste conto de Cristina Ferreirós.
Con posterioridade este contacontos será representado por distintos barrios da cidade:
- Biblioteca Pública Municipal do Forum, o sábado 8 de Marzo, ás 11,30 h.
- B.P.M. Monte Alto, o luns día 10 de Marzo, ás 18,30 h.
- B.P.M. Sagrada Familia, o mércores día 12 de Marzo, ás 18,30 h.