Anxos Sumai presenta en Santiago a novela pola que foi escollida como autora do ano pola AGE. Logo de acadar o Premio da Crítica galega con Anxos de garda no 2004 e despois do éxito entre lectores e lectoras de Melodía de días usados, Anxos Sumai obtén o Premio de Narrativa Breve Repsol YPF 2007 e é escollida como autora do ano pola Asociación Galega de Editores. Así nacen as baleas conta a historia dunha viaxe de regreso á casa, á orixe familiar dunha muller nova que retorna ao seu pasado como única posibilidade de entender e vivir o presente.
De volta desde California, onde como bióloga traballa coas baleas, a narradora da novela redebuxa o seu pasado coa axuda da lembranza da figura do seu irmán Ramón, un neno con problemas psíquicos que, coma a protagonista, só é quen de existir mentres pode facerse preguntas.
Anxos Sumai conta a historia cunha linguaxe narrativa na que metáforas, personaxes e relato conflúen para describir o mundo desde unha ollada diferente.